O Entroido non só é festa e sempre garda un anaco para a solidaridade. Un ano máis, a Comisión do Entroido e o Concello cederon os dereitos da imaxe do cartel da festa a favor da Asociación Limisi. Os usuarios deste centro ocupacional para persoas con diversidade funcional da comarca son os encargados de preparar varios produtos promocionais, que están á venda en establecementos de hostalaría da vila e en comercio.
Libretas de tres tamaños diferentes, chaveiros, chapas e imáns con abridores son os produtos promocionais que se poden mercar a beneficio de Limisi, todo elaborado polos seus usuarios a partir da imaxe do cartel deste ano. «A Comisión déixanos facer todas estas cousas e vender isto, que para nós supón unha axuda», sinala Janira Pazos, coordinadora de Limisi.